
Festival On&Off 2007
En 2007, Mr Misto Films e o Concello de Ribadeo organizaron o III Festival de curtas ON&OFF, que tivo lugar do 1 ao 5 de agosto.
Na sección oficial, máis de 40 curtas foron seleccionadas e agrupadas en distintos paquetes (ficción 1, ficción 2, ficción 3, ficción 4, documental-experimental e animación) para ser proxectadas por varios puntos de Ribadeo: no Cantón, no cine Teatro, na zona vella, etc.
Por segundo ano, convocouse o certame de curtas A toda mecha.
Os medios necesarios para levar a cabo os proxectos foron facilitados pola organización e os participantes contaron cun máximo de 60 horas para realizar os seus traballos.
O tema das curtas era libre e tan só tiñan que incluír un elemento de atrezzo e unha localización indicadas pola organización nun sobre pechado, para asegurarse de que as gravacións se realizaban durante o festival e non previamente.
Nesta edición houbo un único premio de 3000€, outorgado por un xurado composto por profesionais do audiovisual.
As curtametraxes realizadas en A toda mecha 2007 foron:
Límite 12 horas, Love is in the air, A miña herdanza, O talento do señor Carrack, Miguelito, Operación Cantón, Espera, La calle es tuya, Case sempre, Sen escrúpulos, Da compra á cesta, Freak Paradise, O tren da vida, O suso e Os quitadores de ferro.
No ON&OFF 2007, os directores convidados a gravar curtas en Ribadeo foron:
- Javier e Kike Prada con Mariñeiro
- Jairo Iglesias con 1936.Ribadeo
- Alber Ponte con No tardes
Un ano máis, no marco do festival celebráronse numerosas actividades paralelas, como por exemplo, os encontros con profesionais do sector como Susana Rei, Jairo Iglesias e os irmáns Prada. Tamén houbo un coloquio sobre o cine de animación.
Tampouco faltaron as proxeccións, entre as que destacan a de De profundis e Carne de canón en Rinlo ou a de O ceo do súper 8 no Cantón.
Unha das novidades do ON&OFF 2007 foron os concursos Curtas de peto ePerspectiva allea.
O primeiro deles invitaba á xente a realizar pequenas gravacións con teléfonos móbiles ou cámaras, que se podían recoller nas carpas colocadas polos organizadores.
Pola súa parte, Perspectiva allea estaba dirixido a persoas non censadas en Ribadeo e animábaos a fotografar a vila e o ambiente do festival.
A gala de clausura estivo presentada pola actriz Rosalía Quelle e contou coa actuación do grupo The Ellas, liderado por Luis Tosar.
Durante o acto proxectáronse as curtas realizadas por Jairo Iglesias, Alber Ponte e os irmáns Prada.
Por suposto, tamén se fixo a entrega de premios e os gañadores foron:- Misto de Ouro na categoría de ficción para La gran revelación, de Santiago de Lucas.
- Misto de Ouro na categoría de documental para Cousas do Kulechov, de Susana Rei.
- Misto de Ouro na categoría de animación para Carne de canón, de Darío Fernández Ignacio.
- Misto de Cera a toda unha carreira na curtametraxe para Alber Ponte.
- Misto de Pau de A toda mecha para Sen escrúpulos, de Carlos Seijo.
E un ano despois, en 2008, chegaría a IV edición do festival ON&OFF de Ribadeo...